Wednesday 15 de May de 2024

Negreira destaca o investimento realizado para converter o parque de bombeiros da Coruña nun dos máis modernos de España


Nas Xornadas de Prevención de Incendios no Fogar, o alcalde recordou que, entre 2012 e 2015, se investiron case 4 millóns de euros en reforzar, renovar e mellorar o equipamento do Servizo de Extinción de Incendios, un 45% máis que nos catro anos anteriores

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado polo tenente de alcalde responsable da área de Seguridade Ciudadana, Julio Flores, e o director da área de Prevención da Fundación Mapfre, Jesús Monclús, participou esta mañá nas Xornadas de Prevención de Incendios no Fogar organizadas no marco do día de portas abertas dos bombeiros daCoruña.
A iniciativa, na que se ofrecerán charlas e se atenderán as consultas dos cidadáns, conta ademais cunha exposición permanente de vehículos e do material utilizado polos bombeiros, incluíndo as dúas últimas adquisicións do parque coruñés: unha autoescaleira articulada Magirus e unha bomba ama pesada.
“Continuamos co noso compromiso cos medios e investimento necesarios para que o parque de bombeiros da Coruña continúe sendo un dos máis modernos de España, abrindo varias liñas de especialización para os próximos anos -como o rescate en acantilados, en incendios en buques, mercadorías perigosas ou rescates acuáticos na costa litoral urbana- e mellorando substancialmente os medios dos que dispón,” destacou Carlos Negreira, quen puxo como exemplo as dúas últimas adquisicións: “A autoescaleira Magirus, que é a primeira unidade deste tipo que se incorpora a un Servizo de Bombeiros en España, permitirá, por exemplo, atender dous incendios en edificios simultáneamente e multiplica a capacidade de resposta a riscos producidos durante temporais de vento e auga; a bomba ama, cos seus 12.000 litros de auga, é o vehículo de maior capacidade de auga na historia do servizo de bombeiros e permitirá o abastecemento de auga a outros vehículos para extinción directa en incendios onde sexan necesarios grandes volumes de auga”.
Neste sentido, o rexedor explicou que, entre 2012 e 2015, o investimento municipal para reforzar, renovar e mellorar o equipamento do SEIS (Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento) foi de case 4 millóns de euros, un 45% máis que os catro anos anteriores; e destinouse un millón de euros ás obras da ampliación do parque de bombeiros que incluíron un novo centro de control de emerxencias e a nova Unidade de Prevención e Investigación de Incendios, ademais da construción dun novo garaxe para vehículos de bombeiros e a modificación das vías de saída do parque para mellorar os tempos de resposta. Ademais ,Carlos Negreira destacou a posta en marcha de campañas informativas, incrementando nun 130% as horas dedicadas ao ámbito da prevención.